Tres mortos por emanación de gases nun pozo dos Eidos de Abaixo
Aquel día, celebración da festividade de Santa Isabel que se venera na parroquia con fé e emoción, prometía ser un día tranquilo, un día no que só se atenderían os traballos do mantemento da casa e dos animais domésticos. Despois de acudir á misa, os veciños tornarían as súas vivendas para descansar e celebrar cos seus un día de festa. Pero non foi así, pola tarde unha noticia correu como pólvora entre a veciñanza: O Picapeixe, o Burro do Pan e o José do Maduro morrían no pozo do Cortiñal mentras realizaban labouras de limpeza. A emanación dun motor de gasolina co que achicaban a auga para limpar o fondo provocoulles a morte, e non houbo máis mortes de casualidade. A desgraza converteu o día de festa nun día tráxico, que conmocionou non só a parroquia, se non a todo o concello.